Introducción a actividade 1

A valoración do noso Patrimonio é algo que, ás veces, esquecemos ou que simplemente non consideramos importante.

A proximidade a elementos patrimonais fai que moitas veces non os vexamos como elementos extraordinarios da creatividade humana, senón como elementos habituais da nosa contorna. E sorpréndenos ver a xentes de outras terras e países lonxanos, percorrer grandes distancias para observar, fotografar, camiñar, escoitar ou simplemente sentarse en silencio, para entrar en contacto con paisaxes, ruínas, cantigas, doutros tempos e outras xentes, que a nós nos parecen habituais ou comúns cando menos.

Esa habitualidade é a que nos fai perder a perspectiva. O camiño que pasa pola nosa porta, non é un camiño sen máis. É o Camiño! Aquel que seguiron os peregrinos desde tempos inmemoriais e aquel no que as súas pegadas compactaron a terra que conforma a senda cara a Compostela.

Cada paso que damos por esa senda, ponnos en contacto con eles, desde o primeriro peregrino ata nós. E é a nosa obriga recoller o testigo, pasalo as seguintes xeracións, igual ou mellor que o atopamos. Continuando un camiñar que empezou alá polo século IX e nos deu forma a nós e a nosa terra.

camino-ao-seu-paso-por-mondonedo

A Historia de PAIO

 

Paio no monte Libredón

Manuel Alonso. Paio no monte Libredón (CC BY-SA)

Contan as lendas que nun tempo moi afastado, uns falan do 813 e outros do 830, un home chamado Paio, vivía nunha cova no medio dun bosque, no lugar que hoxe chamamos Compostela, retirado do mundo para orar a Deus.
Unha noite cando observaba o ceo, apareceron de súpeto unhas luces moi estrañas, acompañadas de voces e cantos, sobre un monte que tiña por nome Libredón. Ao principio, fuxiu asustado e escondeuse no máis profundo da súa cova. Noite tras noite xurdían as mesmas luces, no mesmo lugar. Provocando nel unha confusa mestura de sensacións, as luces tiraban del, o medo non lle deixaba saír do seu refuxio.  Intrigado, atreveuse a dar pequenos pasos achegándose, pouco a pouco a investigar o misterio das luces marabillosas, pero sempre volvía sen ser quen de ir máis aló.

Nas súas pescudas, decatouse de que as luces do ceo parecían sinalar un lugar concreto. Alí onde se adiviñaba, entre a vexetación e medio en ruínas, un pequeno edificio de pedra. Armado de valor e sen deixar de pregar, atreveuse a entrar, con pasos curtos e sen perder contacto coa parede para saír correndo en canto vira ou ouvira algo….. como lle tremían os xeonllos!!

Cando os seus ollos se afixeron á penumbra viu que no seu interior había tres tumbas. Arrepiado, quedou un tempo sen respiración pero a curiosidade foi máis forte que o medo, e abriunas. Dentro había tres corpos. O do medio, o que parecía máis importante, non tiña cabeza!!!

Aquilo foi xa demasiado para Paio!, que saiu correndo sen mirar atrás, de volta á súa cova, no profundo do bosque. Cando recuperou o ánimo, pensou que tiña que ser algún tipo de sinal dos ceos. As luces, o lugar, os corpos….Tiña que contarllo a alguén pero… a quen?

A ORIXE DO CAMIÑO DE SANTIAGO

Ao amencer seguinte, seguía co estómago encollido, así que non puido almorzar e fixo a equipaxe para ir cara a Iria Flavia (Padrón) e levarlle ao Bispo Teodomiro, que vivía alí, as estrañas novas do seu achado. Polo camiño, non deixaba de buscar as verbas axeitadas para que non o tomaran por tolo.

O Bispo, deu creto as súas novas, díxolle que nesa zona contaban que en tempos viviran os romanos, e que a xente procuraba pasar lonxe daquel lugar.

Cando Teodomiro, chegou ao lugar indicado, e entrou no edificio, saiu coa faciana mudada de cor dicindo que, sen lugar a dúbidas, aqueles eran os corpos decapitados do Apóstolo Santiago, e  mais os dos seus discípulos Atanasio e Teodoro. Segundo a tradición, trouxeran o seu corpo dende a afastada Palestina onde sufrira martirio alá polo século I. Desde aquel momento, o lugar comezou a chamarse Campus Stellae, “o campo das estrelas”.

Dándose de conta da importancia deste acontecemento. Teodomiro, mandou novas á corte do rei Afonso II en Oviedo.

Afonso II púxose en Camiño chegando a Compostela, onde mandou construír o primeiro edificio no ano 834 para rendirlle culto ao Apóstolo e os seus discípulos.

Aquel camiño que seguiu o rei, é o que coñecemos, como Camiño Primitivo convertendo a Afonso II no primero peregrino que seguiu ese Camiño. Este acontecemento cambiouno todo. Detrás do rei viñeron máis curiosos e fieis e non só por esa ruta. De todas as partes se achegaban a Compostela peregrinos a pé, a cabalo ou barco. Non só da Península Ibérica senón tamén de Europa, seguindo aquelas estrelas que hoxe chamamos Vía láctea ou Camiño de Santiago. É un Camiño relixioso, cultural, ideolóxico que trae e leva ideas e que pon en contacto a xente de lugares afastados de Europa.

O Camiño converteuse nunha vía de chegada de novas que xeraban ideas comúns en Europa, creando paseniñamente un Patrimonio Material e Inmaterial común. Progresivamente, e entre xentes moi afastadas en Europa, foi xurdindo unha idea de “proxecto común europeo”.