Actividade 1

Ás veces, nas nosas conversas coa familia escoitamos: “ este ou aquel ten tanto patrimonio….; o noso patrimonio é maior que o del….” sabes por que ocorre iso?

Busca no diccionario da Real Academia Galega todos os significados deste termo. Preme na imaxe.

Enlace á Páxina web

Xa o tes? Ves que os tres termos teñen que ver coa propiedade e con herencias. Pero a terceira acepción do termo é que nos interesa.

O patrimonio histórico é algo un pouco diferente…date de conta que é algo que ten que ver coa propiedade, e a antigüidade pero neste caso  trátase dunha propiedade común. De todos, algo que é insustituíble. É a pegada dos nosos antergos, a memoria da nosa cultura, o que nos define como galegos e como humanos.

A súa importancia reside en que no noso patrimonio están esculpidos, debuxados, escritos, marcados sobre a paisaxe, os feitos, actitudes e xestos  que nos dan forma hoxe, coma nun libro antigo onde xa escribiran os nosos avós e no que nós temos que continuar unha narración, unha historia. A nosa Historia. Por iso, cada vez que o noso Patrimonio é deteriorado, vendido ou destruído, perdemos unha páxina do libro da nosa cultura.

Moitas veces percíbese o Patrimonio coma unha carga. Esta é unha visión errada e que debe ser corrixida. O patrimonio engade un valor ao lugar onde está situado, un valor de séculos, que vai aumentando co tempo e a medida que as xeracións o comparten. Convírtese nun medio, nun depósito de voces de xestos de culturas de outras épocas, coma ecos do pasado, e que poden ser empregadas no futuro,e darnos claves para entender o noso presente.

Pensaches algunha vez por que as marxes dos campos e termos municipais actuais coinciden con elementos do patrimonio?. Mámoas que se convirten e marcos, paraxes naturais que se mantiveron, camiños que seguen a pasar polo mesmo lugar durante séculos.

No entanto, aquilo  que se considera valioso, non se mantén estable no tempo. Cambian os gustos, as modas, e ás veces hai elementos que se perden porque ao pasar o tempo deixan de ser útiles.

OUTROS VALORES DO PATRIMONIO

Podemos conservar o Patrimonio con mil leis, se nós non vixiamos, nada terá valor. Os veciños do Camiño son os principais interesados en coidalo  en facelo atractivo, seguro, ben sinalizado. É a responsabilidade das novas xeracións ser gardiáns do patrimonio. Vixiar, para que así a seguinte xeración poida disfrutar e aprender de todo o patrimonio que teña chegado ata nós.

Ademais o Camiño é un importante motor económico por aqueles lugares por onde pasa, así que, por que non aproveitalo?. Pode convertirse nunha alternativa ou complemento para as actividades económicas da túa zona. Tanta xente pasando polo mesmo lugar sen dúbida terá necesidades.

Para que o Patrimonio non se vexa como unha carga, é moi importante conservalo pensando no desenvolvemento sostible.  Debemos desenvolver as nosas actividades económicas sen interferir na conservación do Patrimonio, incorporando novas formas de economía dirixidas a ese fluxo de peregrinos que percorren o Camiño e que, de este non existir, non pasarían pola comarca.

REFLEXIÓN

Pensas que o Patrimonio, en xeral, e o Camiño en particular está suficientemente protexido?